o campo
field el campo
Percorro o mesmo camiño que o meu pai hai corenta anos. Era un atallo entre a súa casa maila da miña nai atravesando O Campo. Agora é inútil, seino, e non se me ocorre ningunha pregunta. Miro en silencio e semella que están aí dende sempre: os camiños, O Campo, as fotos e os meus pais.
Non debería preocuparme. Non temos tempo para lembrar, botar a vista atrás e converternos en fotografías de sal de prata borrosas, coma eles, e seguir quedando, aínda que sexa impreciso, coma os camiños que non emprega ninguén.
Posesións para un esquecimento
I Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2013
a Colonización
Settlement Colonización
«A Colonización ao principio, era un misterio...» así comezou o seu relato Dionisio, o meu tío avó, colono en Castro Ribeiras de Lea. A primeira foto- grafía que debuxei foi a dun home, no inmenso solpor da Chaira, nunha pista recentemente aberta, volvendo só a casa cunha vaca da corda. Ningunha das dúas sería súa en anos e non tiña nin idea de como ían saír adiante. Falou e falou dos sobrecustes dos favores, da inxustiza na repartición do común e deste país que se foi inventando un futuro provisional e segue a facelo do mesmo xeito. Eu quedo cos repolos. Si, con aqueles que foron procurar a Betanzos nun trac- tor a noite antes de que o Caudillo viñese visitar a casa-piloto.
Lucían frescos na terra erma coma as casas brancas da Costa Moura.
as torres do Arneiro
Arneiro stations
emisoras de Arneiro
Herdamos imaxes, palabras borradas e reescritas. Entre tanto cáesenos algunha cousa e pouco podemos facer. Xunto os fragmentos enriba das ruínas e penso que algo é máis que nada. Tería que ter contestado iso hai vinte anos, cando o mestre nos iniciaba preguntando:
-E ti por que fotografías? Aínda non podía terlle falado do meu xardín privado cheo de pó e do que non voltaría nunca. De que precisaba a cámara para subir ao radio-faro e ver a Chaira coma un mar en calma. Engadir unha ollada á paisaxe da memoria en barquiños de papel antes do seu inminente naufraxio. E premer o botón, coma un ritual, no mesmo lugar e o preciso momento onde as palabras, as imaxes e as cousas coinciden. Contestei igual que faría hoxe:
-Non o sei, o día que o saiba, moi probablemente deixarei de facelas.
o manicomio
madhouse
el manicomio